Como abordar a Intelixencia Emocional dende a escola?

Todos os investigadores coinciden na necesidade de intervir dende a escola para desenvolver outras intelixencias ademais das que tradicionalmente se traballaron. Gardner (Gardner 1998) suxire que mentres que certos individuos son unha promesa nunha intelixencia determinada, outros están en situación de risco, xa que se non se lles axuda probablemente fracasarán no seu desenvolvemento cando, precisamente, cunha intervención nos primeiros anos de vida, posibilitaríase que un maior número de nenos acadaran unha formación plena. As dimensións emocionais son educables e toda educación debe orientarse a integrar as dimensións cognitiva, emocional e condutual.

No informe Delors (1996, UNESCO) a Comisión Internacional sobre Educación para o século XXI propóñense os catro pilares sobre os que se debe organizar a educación ao longo da vida: aprender a coñecer, aprender a facer, aprender a vivir xuntos e cos demáis, e, finalmente, aprender a ser. O noso currículo leva anos centrándose nas dúas primeiras aprendizaxes relegando a contidos sen “especificar” (sen obxectivos, contidos, estándares de aprendizaxe…) os dous últimos, sendo o eixo arredor dos que xira o desenvolvemento persoal e a vida en sociedade. Por isto, é fundamental incluír estas aprendizaxes dentro dos diferentes niveis de concreción curricular:

  • Primeiro nivel: A inclusión da Ed. Emocional no Deseño Curricular Base non debería limitarse a retazos xerais que inclúan frases soltas senon que cómpre darlle un plantexamento prescriptivo que brinde o recoñecemento e a importancia merecida.
  • Segundo nivel: A inclusión da Ed. Emocional no Proxecto Educativo “tomar conciencia como centro educativo, colectiva e individualmente, de que as emocións, os afectos e os sentimentos, son relevantes nunha educación integral da personalidade. En consecuencia, facelo expreso non só no Plan de Centro senón tamén no Proxecto Educativo. Pero non a efectos burocráticos ou administrativos (…)” (Seminario Galego de Educación para a Paz, 2005:42)
  • Terceiro nivel: Nas programacións de aula esta inclusión debería ser real, coma unha área máis a desenvolver, cos seus obxectivos, contidos e estándares. Cunha planificación e temporalización, aplicado á práctica docente de cada día. Non debemos esquecer que todo o que non quede plasmado de xeito explícito non ten porque levarse a cabo.

O traballo do emocional alcánzase mediante unha planificación curricular e unha metodoloxía docente, ó igual que outras habilidades e actitudes. Debe orientarse á vida, á actividade diaria, alonxándose de elocubracións e realidades imaxinarias. O emocional forma parte da vida. Esto significa que a finalidade da educación emocional non é instruír senón facilitar o benestar persoal e social. É dicir, a felicidade. Vai máis alá que educar con afecto. É plantexar as emocións e sentimentos en termos de valor.

Deste xeito lograríamos unha alfabetización emocional a través de “programas concretos que pretenden facilitar o desenvolvemento da intelixencia emocional, das habilidades que ten unha persoa para relacionarse de maneira eficaz consigo mesmo e coa súa familia, compañeiros e compañeiras, profesorado ou calquera outra persoa do seu entorno. Para elo resulta necesario aprender a comunicar as necesidades con precisión, ser quen de solicitar axuda no seu caso, manexar a ansiedade, tomar un papel activo e controlar a linguaxe (…)” (Seminario Galego de Educación para a Paz, 2005:26).