Por que son importantes?

Para Mireia Cabero (Cabero M.,2009:22-25) a importancia das emocións radica en que están íntimamente ligadas á conduta. No programa de redes, “Emoción y Sentimiento, básicamente; Inteligencia” comeza explicando a súa importancia resaltando o binomio inseparable emoción-acción, do que xa falamos anteriormente.

  • Como medida preventiva ante condutas violentas, asasinatos, trastornos de alimentación, drogodependencias…: “As emocións, segundo cales sexan e a súa intensidade, teñen o poder de confundirnos e desestabilizarnos. As reaccións que se derivan deste estado afectivo poden propiciar condutas violentas, asasinatos, estados ebrios, trastornos da alimentación, suicidios, etc.”
  • Como autocoñecemento: “Falan de nós, e dannos unha información valiosísima respecto a quen somos, como somos e que valoramos da vida:”
  • Como guía de acción establecen as nosas prioridades: “Axúdannos a decidir e establecer prioridades (…); Moitas das decisións vitais que tomamos están sometidas á voz das emocións: escollemos as nosas amizades polas emocións que sentimos estando con elas (…); escollemos á parella con quen compartir a nosa vida pola admiración, amor, paixón, respecto e compromiso afectivo que sentimos cara a ela (…) As emocións  a miúdo marcan a traxectoria do que queremos e o que non queremos, e así imos decidindo con quen e con que queremos comprometernos”
  • Como base para a nosa saúde física e psicolóxica: “As emocións negativas crónicas, de alta intensidade e difícil xestión, que superan os nosos límites de adaptación debilitan o noso sistema inmunolóxico, así como outras funcións do sistema nervioso” ademais, teñen a capacidade de “facernos sentir a persoa máis afortunada ou a máis desgraciada, alterando os nosos pensamentos”
  • Como factor de alteración dos estados cognitivos (memoria, atención, concentración, comprensión, capacidade de discernir e decidir…), en definitiva, interfiren nas aprendizaxes.